IMPLICACIÓNS DIDÁCTICAS

Fundamentación legal 

Contidos abordados

As propostas que facemos neste blog van contribuír ao desenvolvemento dalgúns dos contidos presentados no Decreto 105/2014.

Isto non implica que tódolos contidos poidan ser abordados con actividades presentadas aquí. Sobre todo na área de Educación Musical, onde se presentan contidos relacionados coa interpretación musical vocal e instrumental, e o movemento e danza, non van poder ser avaliados en relación aos Estándares de Aprendizaxe Avaliables determinados no citado Decreto. 

Avaliación

A avaliación supón en moitos casos a aplicación de rúbricas e escalas de observación que só poden aplicarse mediante a observación directa do neno e da nena. Outros dos Estándares de Aprendizaxe Avaliables implican a relación do alumno co grupo de iguais, o que tampouco pode ser aplicable dende os fogares.

A aprendizaxe no fogar

Está claro que seguindo as pautas pedagóxicas se vai producir unha aprendizaxe mediante as actividades propostas. E sobre todo, non esqueceremos algúns contidos e competencias adquiridas ate o de agora. 
Penso que debemos aproveitar as nosas circunstancias para aprender en grupo. Eu, como docente, non deixo de aprender a diario, na miña práctica pedagóxica e anímovos ás nais, aos pais e a tódolos titores que estades nos fogares a desfrutar das tarefas en grupo. 

As tarefas

A maioría das tarefas que se presentan neste blog están propostas para ser traballadas en grupo, colaborando cos adultos do fogar, cos irmáns maiores e mesmo menores. 

Non tedes a obriga de presentar as tarefas realizadas, nin tampouco hai que facer todo o traballo proposto nun mesmo día. O que podemos facer como familiares é axudar como guías no proceso de aprendizaxe. 

Conclusión

Como profesional da educación, coido que a miña función non pode ser substituída por unha serie de indicacións telemáticas, pero sí podemos axudarnos mutuamente. 

Por este motivo,  quedo á vosa disposición, por se tedes algunha dúbida na realización dalgunha das tarefas, xogos e actividades propostas. 

Laura

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gracias por comentar