venres, 29 de maio de 2020

5 XUÑO, Día do Medio Ambiente

EQUPO PLANETA

Que che parece se vencemos ao malvado CONTAMINADOR?
Trata de descubrir os 5 superpoderes

IDADE: nenos e nenas de 3 a 7 anos.

luns, 18 de maio de 2020

Xogamos en familia

Oca Musical

Hoxe preséntovos un divertido xogo da oca. 

Podedes xogar en familia, a xente grande e miúda. Divertirémonos a cantar e bailar xuntas todas as familias. 
Escolle unha ficha e adiante, pulsa o dado. Preme na estrela, se caes nela. E completa a proba. 

Especial para nenos e nenas de 3 a 7 anos.

xoves, 14 de maio de 2020

A vosa Frauta Máxica

A Frauta Máxica

Parece que todas vós coincidides en que a vosa personaxe preferida é Papageno. Pois ben, agora que temos moitos debuxos, puidemos crear un pequeno vídeo coas vosas fermosas creacións.

Desfrutade:



martes, 12 de maio de 2020

Os vosos misteriosos planetas

Os planetas do CEIP Apóstolo Santiago 


Xa podemos ver un vídeo cos fermosos traballos que fixestes escoitando esta música.
Desfrutade das creacións dos vosos amigos e amigas.



domingo, 10 de maio de 2020

Cantando a Carvalho Calero

Día das Letras Galegas 2020: Ricardo Carvalho Calero 📕

*Hoxe leredes na lingua que propoñía Carbalho Calero. 

Esta semana estamos trabalhando com o escritor Ricardo Carvalho Calero. 

Ja temos investigado por conta própia e no blog da Biblioteca Vagalume, também resolvemos um mistério sobre este autor. 

Hoxe presentamos o poema "Tenho uma dor" interpretado polo dúo 2na Fronteira:

"Tenho uma dor". 
Letra: Carvalho Calero
Voz: Carmen Penim
Piano e arranxos: Maurizio Polsinelli 


Fai CLIK AQUÍ para ver a letra e outra información de interese para resolver o concurso.
Quen quere ser POETA?

Xogo-Concurso:

En Primaria podedes facer este xogo, e anotar só a puntuación á que sodes capaces de chegar, con tres  respostas erradas.


Debuxo ou creación artística:

En Infantil e mesmo en 1º podedes facer un debuxo da parte que máis vos gusta do texto da canción ou do que vos fai sentir e envialo ao correo

sábado, 9 de maio de 2020

Apoios TIC

Imos apoiarnos coas TIC  💻

Nesta época en que nos vemos forzadas a poñernos ao día nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), imos axudarnos entre todas para poder facer os nosos traballos de forma máis sinxela e eficiente.

Co paso dos días, e como vos estades animando a enviar os vosos traballos, tamén estou a percibir que algunhas persoas estades a ter bastantes problemas co tamaño das imaxes que queredes enviar, obrigándovos a pasar un sobreesfrozo de edición que non debería ter lugar, por engadirse ao voso traballo actual.

Hoxe preséntovos un Titorial moi Sinxelo para poder escanear dende o propio móbil.

Como pasar as fotos automaticamente a PDF e dende o móbil 📲

Se queredes saber máis facede click aquí.

*Teneis un tutorial en español, e outro en galego. 

Non somos expertas, pero aprenderemos xuntas. 😊

luns, 4 de maio de 2020

Aí ven o Maio

Aí ven o Maio...

Escoita activa (tódolos cursos)
Actividade para nenos e nenas de primaria. 

Aí ven o Maio 
de flores cuberto 
puxéronse á porta
cantándome os nenos

Este é un musicograma, como puidestes observar no apartado dos Musicogramas, este é un vídeo que amosa unha lectura diferente da canción que interpreta o grupo rock Tiro na Testa.

Segue a roda azul que che indica cómo ler esta "partitura".


👉 Recomendacións: 

Pon o vídeo a pantalla completa.
Tamén podedes crear en familia o voso propio musicograma sobre unha canción que elixades entre toda a familia. 
Non ten por qué ser unha creación no ordenador! podedes facendo con debuxos recortados de distintas cores.... flores, obxectos que hai pola casa... 
Quen envíe un vídeo, poderá velo neste blogue no apartado dos Meus Traballos.  

sábado, 2 de maio de 2020

Instrumentos, Clasificación tradicional.

Nenos e nenas de 2º, 3º e 4º: 


Se queredes aprender a clasificar os instrumentos de forma sinxela e básica, aquí vos deixo unha pequena presentación interactiva.



Espero que desfrutedes interactuando con ela.

mércores, 29 de abril de 2020

Reto de Danza

A Muiñeira 

Muinhada confinada 🎶

A nosa amiga Marta Otero preséntanos hoxe un reto que ten moito que ver coa nosa área de música.
Como podemos ver, tamén está o enlace na páxina do cole, pero podemos observalo tamén aquí:

Neste vídeo Marta ensínanos pasiño a pasiño a bailar unha muiñeira, e incluso a inventarnos pasos, coa fermosa música de Davide Salvado.

Se vos animades a inventar o voso paso podedes enviarlle o vídeo ao seu correo: muinhada.confinada@gmail.com

luns, 27 de abril de 2020

Reto Musical

Os cantos de panadeiras

Os cantos de panadeiras eran cantos que se facían co acompañamento da música feita só con percusión corporal, maiormente as palmas.

Eran moi divertidos, pois facíanse cando se estaba a amasar o pan, coas mans cheas de fariña, convertindo un traballo duro en un traballo moitos máis livián e divertido.

MIL ANUNCIOS.COM - Artesa madera Segunda mano y anuncios ...
Artesa.
Para aquelas e aqueles que non o sabedes, antigamente amasábase na artesa, que era unha especie de arcón de madeira, no que se almacenaba a fariña e tamén se amasaba o pan.  Como a artesa era como un pequeno armario coa porta na parte superior, daba gran sonoridade ao acompañamento das mans.




Agora preséntovos un pequeno reto:🏅

Como no confinamento estamos a facer moitas artistadas na cociña axudando ás nosas familias, aproveitaremos un día no que esteamos amasando con calma para cantar un canto de panadeiras, ou ben a acompañar con este ritmo un canto de maios, como fago eu neste exemplo.


🎶O vídeo pode parecer longo, pero é para que desfrutedes a música que se presenta nel. 

👀Aprende observando e imitando cada un dos pasos que aparecen no video. 



domingo, 26 de abril de 2020

Os Musicogramas

Os Musicogramas 

Podemos ver vídeos e aprender moitas cousas sobre eles no apartado dos musicogramas.


Ademáis adiántovos que podedes atopar un sobre o 1º Movemento da Primavera de Vivaldi.

Quizáis vos sirva de inspiración para os Maios que se celebran esta semana na Escola

sábado, 25 de abril de 2020

Que traballos máis chulos!!

Meus traballos

Nesta semana tamén creei o apartado chamado: meus traballos

Alí poderemos ver os traballos de música que fomos facendo todas e todos nas nosas casas.

Estádelo facendo moi ben! traballades coas vosas familias con moito cariño e esforzo e iso vese nas fermosas obras de arte que mandades. Tendo en conta o cansas que estades todas, e as ganas que tedes de saír á rúa.

Agora que xa podedes acompañar ás familias á compra e aos recados o confinamento vai ser moito mellor de levar, para coller as cousas con outros ánimos.

Forza 💪💪💪 e bicos 😘

xoves, 26 de marzo de 2020

A máquina de Escribir (tódolos cursos)

Introdución

Estes días estamos todas e todos, grandes e peques escribindo nos nosos ordenadores, pantallas e móbiles. Pero antigamente non era así.

Seguro que os maiores da familia vos contan cousas daquela época cando escribían na máquina de escribir, na que había que colocar un folio e pulsar unhas duras teclas que imprimían directamente cada unha das letras.
Aquelas teclas eran tan duras que facían un son moi especial. E cando chegabas ao final do folio pasaba unha cousa... que vos han dicir na casa...

Pois un compositor americano moi famoso, fixo unha música con estes sons.
Este compositor é Leroy Anderson.

Tarefa

1. Escoitamos a peza con atención unha primeira vez.

2. Construímos unha máquina de escribir antiga cos materiais que temos polos fogares.  Podemos debuxala nun folio, e coloreala, podemos pegar pequenos círculos con letras debuxadas nun cartón con forma de máquina. Non esquezades a palanca para o cambio de ringlón!

3. Escoitamos de novo a peza da máquina de escribir. Tratamos de seguir a música cos nosos dedos, facendo pulsacións e dándolle á palanca cando soa a campá. (cousa difícil, pero tedes que coller práctica)

4. Practicamos unhas cantas veces e podemos dar un concerto como bos e boas percusionistas. Se vos apetece podedes enviarme un vídeo do ben que vos sae ao meu correo: lauramusicaemais@gmail.com

"A máquina de escribir" Leroy Anderson



domingo, 22 de marzo de 2020

Compartide os vosos traballos

Este blog é aberto a tódalas persoas, para que todo o mundo que así o queira poida participar. Por este motivo, se ides publicar fotos, tede en conta este aspecto.

O mellor é publicar e amosar só as cousas que facemos, que creamos, a nosa arte e as nosas impresións.

Podedes poñer os comentarios que queirades.
Podedes compartir as vosas fotos e vídeos.
Podedes tamén enviarmos ao meu correo (lauramusicaemais@gmail.com) e indicarme se queredes que os publique ou non.

Pero tede en conta de que pode que o vexan os nenos e nenas do noso cole e outros nenos e nenas.


BENVIDAS E BENVIDOS!!!

Boas a todas e a todos:


Co motivo do confinamento nos nosos fogares imos comunicarnos a través deste blogue. Nel irei presentando actividades de Música, Entomoloxía que podemos facer nas nosas casas.

Xa sabedes que ningunha destas actividades se vai avaliar, pero servirannos para non esquecer o que fomos aprendendo durante os meses pasados. Aínda que de seguro imos aprender!

Tamén iremos propoñendo actividades que podemos facer coa axuda dos nosos familiares, para xogar e aprender en familia.

Ah! xa me esquecía, vós tamén podedes achegar xogos, actividades e outras cousas coas que aprendedes a diario coas vosas familias.

Un saúdo,
Laura