xoves, 26 de marzo de 2020

A máquina de Escribir (tódolos cursos)

Introdución

Estes días estamos todas e todos, grandes e peques escribindo nos nosos ordenadores, pantallas e móbiles. Pero antigamente non era así.

Seguro que os maiores da familia vos contan cousas daquela época cando escribían na máquina de escribir, na que había que colocar un folio e pulsar unhas duras teclas que imprimían directamente cada unha das letras.
Aquelas teclas eran tan duras que facían un son moi especial. E cando chegabas ao final do folio pasaba unha cousa... que vos han dicir na casa...

Pois un compositor americano moi famoso, fixo unha música con estes sons.
Este compositor é Leroy Anderson.

Tarefa

1. Escoitamos a peza con atención unha primeira vez.

2. Construímos unha máquina de escribir antiga cos materiais que temos polos fogares.  Podemos debuxala nun folio, e coloreala, podemos pegar pequenos círculos con letras debuxadas nun cartón con forma de máquina. Non esquezades a palanca para o cambio de ringlón!

3. Escoitamos de novo a peza da máquina de escribir. Tratamos de seguir a música cos nosos dedos, facendo pulsacións e dándolle á palanca cando soa a campá. (cousa difícil, pero tedes que coller práctica)

4. Practicamos unhas cantas veces e podemos dar un concerto como bos e boas percusionistas. Se vos apetece podedes enviarme un vídeo do ben que vos sae ao meu correo: lauramusicaemais@gmail.com

"A máquina de escribir" Leroy Anderson



domingo, 22 de marzo de 2020

Compartide os vosos traballos

Este blog é aberto a tódalas persoas, para que todo o mundo que así o queira poida participar. Por este motivo, se ides publicar fotos, tede en conta este aspecto.

O mellor é publicar e amosar só as cousas que facemos, que creamos, a nosa arte e as nosas impresións.

Podedes poñer os comentarios que queirades.
Podedes compartir as vosas fotos e vídeos.
Podedes tamén enviarmos ao meu correo (lauramusicaemais@gmail.com) e indicarme se queredes que os publique ou non.

Pero tede en conta de que pode que o vexan os nenos e nenas do noso cole e outros nenos e nenas.


BENVIDAS E BENVIDOS!!!

Boas a todas e a todos:


Co motivo do confinamento nos nosos fogares imos comunicarnos a través deste blogue. Nel irei presentando actividades de Música, Entomoloxía que podemos facer nas nosas casas.

Xa sabedes que ningunha destas actividades se vai avaliar, pero servirannos para non esquecer o que fomos aprendendo durante os meses pasados. Aínda que de seguro imos aprender!

Tamén iremos propoñendo actividades que podemos facer coa axuda dos nosos familiares, para xogar e aprender en familia.

Ah! xa me esquecía, vós tamén podedes achegar xogos, actividades e outras cousas coas que aprendedes a diario coas vosas familias.

Un saúdo,
Laura