xoves, 26 de marzo de 2020

A máquina de Escribir (tódolos cursos)

Introdución

Estes días estamos todas e todos, grandes e peques escribindo nos nosos ordenadores, pantallas e móbiles. Pero antigamente non era así.

Seguro que os maiores da familia vos contan cousas daquela época cando escribían na máquina de escribir, na que había que colocar un folio e pulsar unhas duras teclas que imprimían directamente cada unha das letras.
Aquelas teclas eran tan duras que facían un son moi especial. E cando chegabas ao final do folio pasaba unha cousa... que vos han dicir na casa...

Pois un compositor americano moi famoso, fixo unha música con estes sons.
Este compositor é Leroy Anderson.

Tarefa

1. Escoitamos a peza con atención unha primeira vez.

2. Construímos unha máquina de escribir antiga cos materiais que temos polos fogares.  Podemos debuxala nun folio, e coloreala, podemos pegar pequenos círculos con letras debuxadas nun cartón con forma de máquina. Non esquezades a palanca para o cambio de ringlón!

3. Escoitamos de novo a peza da máquina de escribir. Tratamos de seguir a música cos nosos dedos, facendo pulsacións e dándolle á palanca cando soa a campá. (cousa difícil, pero tedes que coller práctica)

4. Practicamos unhas cantas veces e podemos dar un concerto como bos e boas percusionistas. Se vos apetece podedes enviarme un vídeo do ben que vos sae ao meu correo: lauramusicaemais@gmail.com

"A máquina de escribir" Leroy Anderson





Indicacións pedagóxicas

🎓Obxectivos
Realizar unha escoita activa da peza. 
Recoñecemos a formas básicas dunha peza, despois de varias escoitas. 
👉Recomendacións
A actividade durante a escoita dunha peza musical favorecerá a escoita atenta. Polo tanto, é recomendable fomentar esta actividade.

Un elemento gráfico e visual como a máquina de escribir que faremos na casa, serve como apoio visual manipulativo para a nosa experiencia de escoita. Se a máquina é creada por eles mesmos, ademais establecerase un vinculo emocional con este obxecto.

A proposta de gravarnos actuando non é para avaliar o produto, senón para garantir que a preparación do produto final se fai con esmero, garantindo que se fai unha autoavaliación con intención de mellorar.

Se podedes descargalo e imprimilo, envíovos un documento PDF coas letras que podedes pegar na vosa máquina. máquina de escribir.pdf


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Gracias por comentar